Ir ao contido

Unidade de Anosmia

Pedir cita

A Unidade de Anosmia do Hospital HM Rosaleda de Santiago de Compostela permite tratar, non só a perda de olfacto, senón outros trastornos que afectan a este sentido.

A anosmia é a perda da capacidade de percibir olores, que pode ser completa ou incompleta, nese caso falamos de hiposmia. Perder olfacto é unha das alteracións, pero hai outros trastornos que afectan a este sentido, como a cacosmia –percibir como desagradables olores que non o son– ou a fantosmia –sentir olores que non existen–. Trátase dun problema moi coñecido nas consultas de Otorrinolaringoloxía, que pode aparecer por infeccións virais nasais, procesos inflamatorios crónicos, traumatismos craneofaciais ou tumores nasais ou de base de cranio. Por iso, aínda que a orixe máis frecuente agora mesmo é a enfermidade de COVID-19, é necesario descartar o resto de causas.

Anosmia por COVID-19

A infección por coronavirus SARS CoV-2 iníciase na cavidade nasal e oral, onde o virus penetra nas células da mucosa grazas a un receptor presente na súa membrana. A partir de aí, e dependendo das condicións de cada paciente, o virus pode progresar cara ao pulmón, provocando o agravamento da situación clínica e as complicacións coñecidas da enfermidade. Este receptor (porta de entrada que usa o virus) está presente nas células de sostén que rodean as terminacións nerviosas, polo que pode infectalas, destruíndoas e creando unha inflamación que dana indirectamente as neuronas olfativas que deixan de funcionar.

Ocorre nun 60% dos pacientes que sofren a infección, sendo máis frecuente en mulleres, en xoves e en pacientes con enfermidade leve. Adoita ser un síntoma inicial, que se usa como alerta da infección e, nalgúns casos, constitúe o único síntoma da enfermidade. Unha parte dos pacientes recupera o olfacto nas dúas primeiras semanas, pero a anosmia pode persistir durante meses e hai quen non chega a recuperalo.

Recuperar o olfacto

Os pacientes con problemas de anosmia chegan á consulta de ORL, onde se lles realiza unha primeira avaliación, unha exploración endoscópica das fosas nasais e se solicitan as probas radiolóxicas necesarias. Despois, o paciente é derivado a unha consulta específica onde se realiza olfatometría para determinar o grao e características da perda de olfacto. Con todos os datos, establécese un plan de tratamento específico para cada caso.

Se a orixe do trastorno é a infección por coronavirus, o tratamento combina o uso de antiinflamatorios (corticoides) coa rehabilitación olfatoria. O sentido do olfacto está intimamente unido á zona central do cerebro onde se procesan recordos e emocións. Está demostrado que se pode utilizar esta memoria olfativa para axudar ás neuronas do bulbo olfatorio a recuperar a súa función, mediante a estimulación frecuente da mucosa olfatoria con olores coñecidos que o paciente recorda.

O tratamento iníciase aos 15 días da aparición dos síntomas –se a situación clínica e epidemiolóxica do paciente o permite–, e realízase un seguimento quincenal dos progresos ata a completa recuperación do olfacto, un paso fundamental para miles de pacientes que, tras superar a infección por COVID-19, deben lidar con secuelas como esta, que afectan á súa calidade de vida.

facebookinstagramlinkedinxyoutubeopen_in_newtravelgroupcalendar_todaysearchmenuclosecross boldarrow_up